Os distintos entes que asinan esta nota de prensa queren facer público o seu apoio á solicitude realizada ante a Real Academia Galega para que o próximo ano 2011 sexa dedicado o Día das Letras Galegas a Antonio Fernández Morales, autor dos “Ensayos poéticos en dialecto berciano” (1861).
Apoiamos, esta solicitude, en primeiro lugar, pola valía deste libro. Son varios milleiros de versos que nos levan ás paisaxes do Bierzo do século XIX, describe os seus costumes e tradiciois e fálanos no idioma natural das súas xentes, das máis sinxelas e humildes. É unha fermosa creación literaria e un gran documento antropolóxico e etnográfico á vez. Son estes xa argumentos de peso para consideralo merecedor da reclamada homenaxe; pero existen outros tan importantes como son o seu afán por “legar á posteridade” estes costumes do Bierzo para “dar unha idea rica do subdialecto que nel se fala” razois que esgrime o autor e consideramos válidas e perfectamente vixentes a día de hoxe no Bierzo e, tamén, en Galicia.
Ademais cumprirase, no 2011, o 150 aniversario da súa publicación, que se adiantou en dous anos á obra de Rosalía de Castro, autora que inicia o Rexurdimento e que é o movemento no que se encadra a obra de Morales. Esta magnífica obra cremos que debe ser incorporada plenamente ao movemento, cousa que está por facer, xa que así se recoñece o aporte a dito movemento desta parte da creación en galego da fala oriental e do Bierzo, un aporte cunha personalidade e unha voz singulares.
Por outra banda, a fala que empregou Morales no século XIX, segue viva a día de hoxe e está presente nos centros escolares polo interese de máis de mil familias que decidiron que os seus fillos e fillas cursen galego voluntariamente no século XXI. Cunha aposta como esta por saber do noso pasado, enriquécese o noso presente para facer un futuro mellor, unha aposta que debe ser apoiada dende as administraciois e que este tipo de celebraciois que agora solicitamos teñen a ben realizar no Bierzo, contribúen a que se faga máis presente e se divulgue un patrimonio común e compartido de galegos e bercianos.
Sabemos que son moitas máis as persoas, entes e instituciois bercianas que están remitindo unha solicitude semellante estes días á Real Academia Galega, pero os que asinan esta nota puxémonos de acordo en enviar este comunicado conxunto.
Asociación Cultural “ESCOLA DE GAITAS” de Vilafranca do Bierzo
Asociación da LINGUA GALEGA XARMENTA
COMISIÓN CULTURAL MARTÍN SARMIENTO
INSTITUTO DE ESTUDIOS BERCIANOS
ASOCiACiÓN CULTURAL VAGALUME
ASOCIACIÓN A MORTEIRA
Colectivo de mestres de galego no Bierzo
FALA CEIBE
Asociación Cultural TAXUS